O proxecto

INTRODUCIÓN:

“BURELA XOGARECÍCLASE” é un proxecto continuador do levado a cabo no curso 2012-2013 polo alumnado de 1º de E.S.O. do I.E.S. Perdouro. O que pretendemos con esta continuidade é que o alumnado de 2º de E.S.O. do presente curso valore aínda máis do que xa o fixo o curso pasado o seu entorno máis inmediato. Se no Proxecto anterior o alumnado saíu á rúa para coñecer  a súa paisaxe en todos os sensos: cultural e artístico, natural, histórico,..., este curso procuraremos darlle vida a todo o material recompilado o curso anterior e darlle algunha solución á degradación coa que nos atopamos cando fumos visitando punto por punto de Burela. 

O alumnado de 1º de E.S.O., novo no noso Centro, tamén formará parte deste Proxecto. Presentarémoslles o lado máis agradable e o máis desagradable da nosa paisaxe reflectido nos nosos traballos recollidos no blogue que creamos e, a partir de aí, comezarán a traballar co que nos atopamos a diario no noso entorno e do que, moitas veces, non somos conscientes.

Centrarémonos na nosa localidade, Burela, onde reside a maioría do noso alumnado, coa fin de que coñezan mellor e saiban valorar a paisaxe e a cultura coa que conviven día a día, todo isto  vencellado sempre aos coñecementos do currículo. Este curso recurriremos ao xogo e á reciclaxe para conseguir os nosos obxectivos.

OBXECTIVOS
  • Achegarse ás distintas paisaxes que nos ofrece Burela a través do xogo e da reciclaxe educativos.
  • Expresarse correctamente oralmente e por escrito.
  • Buscar información empregando tanto os medios tradicionais como as novas tecnoloxías.
  • Presentar os traballos recompilados ao longo do curso de forma organizada e curiosa.
  • Compartir cos demais o traballo feito individualmente ou en grupo.
  • Comprender a interrelación que pode haber entre varias materias coa axuda e unión do profesorado.
  • Valorar a natureza, a tradición e a cultura do noso pobo.

ORGANIZACIÓN/DESENVOLVEMENTO/METODOLOXÍA:

1) OUTUBRO-DECEMBRO 2013:
Repasar a información sobre as zonas ou puntos máis característicos de Burela recollida o curso pasado polo alumnado de 1º de ESO e recompilada no noso blogue de “Doce meses, doce paisaxes”. 
Presentación do Proxecto e do traballo feito o curso pasado ao alumnado de 1º de ESO.
O alumnado de 2º comeza a parte de “XOGA Á OCA CON BURELA”: selección de distintas paisaxes ( de todas as que recolleron o curso pasado) para as distintas casillas do xogo. 
Comezo da redacción das instrucións e das normas de cada casilla nas distintas linguas nas que se forma  o noso alumnado. Consulta de datos sobre as distintas paisaxes para facer as normas. 
O alumnado de 1º de ESO, informado por alumnas e alumnos de 2º de ESO, comezará a tomar conciencia do mal facer da poboación en moitos puntos do seu pobo (praias, prazas, rúas, paseos,...) e comezará a axudar a limpar puntos de Burela recollendo material reutilizable. Obradoiros de reciclaxe.

2) XANEIRO-MARZO 2014:
Elaboración á man e en dixital do xogo da oca (XOGA Á OCA CON BURELA) por parte do alumnado de 2º de ESO.
Dar nova vida ao material recollido polo alumnado de 1º de ESO nas praias, rúas, prazas, … de Burela.

3) MARZO-XUÑO 2014:
Coñezamos todos Burela xogando á oca. Que sorte nos deparará a paisaxe de cada casilla?. Un taboleiro xigantesco invitará a xogar a todo burelense...
Exposición de todo o material reciclado ao que se lle deu nova vida por unha mellor imaxe do noso pobo. 

AVALIACIÓN

Os criterios de avaliación terán como referente a consecución das competencias básicas, facendo fincapé en:
  • Competencia en comunicación lingüística.
  • Competencia dixital.
  • Competencia aprender a aprender.
  • Competencia en resolución de problemas.
  • Competencia en habilidades sociais e de autonomía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario