xoves, 26 de decembro de 2013

As plantas da nosa paisaxe

Sabemos como se chaman as plantas que nos arrodean, as herbas que pisamos, os froitos que agroman,...? O alumnado de Atención Educativa de 2º de E.S.O., xunto coa súa profesora Tina, van resolvernos moitas, moitas dúbidas! Velaquí o seu traballo.

luns, 16 de decembro de 2013

Gran árbore de Nadal de oveiras

E aquí o proceso de elaboración da árbore de oveiras coas súas flores douradas realizadas cos tubos de papel hixiénico.


Postal de Nadal

O alumnado de 1º de ESO fixo unhas postais de Nadal coa axuda do seu profesor de Relixión, Antón Niñe, recuperando símbolos da nosa paisaxe como o Torques, o Faro de Burela, o mar, os barcos, .....

Árbores individuais - Nadal 2013

O alumnado de 1º e 2º de ESO tiñan un reto: dar nova vida aos refugallos dos seus fogares e convertilos en pequerrechiñas árbores de Nadal que fosen poblando a entrada do IES Perdouro. O noso particular bosque foi medrando día a día segundo ían traballando os alumnos coas súas profesoras, Elena e Mª José.

Mirade, mirade!! O resultado paga a pena! 

E felicítannos o Nadal con postais coa paisaxe de Burela feitas con Antón.


xoves, 12 de decembro de 2013

A nosa particular árbore de Nadal 2013

Este curso, como actividade do proxecto interdisciplinar BurelaXogaRecíclase, a nosa coordinadora, Mª Xosé Andión, ideou facer unha árbore de nadal con OVEIRAS !!! Con oveiras si !!! Unha loucura me diredes!! Pois si, unha gran aventura.

Aí nos puxemos a recolectar caixas de ovos de todos os tamaños por todas as casas. Logo sacámoslles as etiquetas unha a unha e pintámolas con moito esmero. Mais quedaba a parte máis dificil: a ensamblaxe. Fixemos unhas probas de montaxe, Mª Xosé e mais eu, que non nos convencían demasiado. Pero contamos con moita axuda. Xa veredes cantos participamos nesta obra que naceu sendo unha actividade de clase e acabou sendo unha actividade de unión entre todos, alumnos e profesores.

Todos aportamos o noso gran de area:
  • José Luís calculando a altura e circunferencia; 
  • José, o noso arquitecto, propuxo desestruturar a árbore en 4 tramos, 
  • Karina preocupouse do paralelismo das caixas, 
  • Montse e familia pegaron e recortaron oveiras por decenas, 
  • as monitoras de Gaia pintáronas cos seus nenos da gardería, 
  • Tania e Elena retocaron a pintura, 
  • Fran axudounos a encontrar o punto de gravidade da árbore, 
  • Cristina foi mercar un sedal máis resistente que puidera co peso da nosa árbore, 
  • Javier, o noso xardineiro, tensou o sedal baixo o mando de José, 
  • E todo o alumnado de 1º e 2º de ESO e 1º BAC (de Grego) pintaron e pintaron oveiras e prepararon as bases circulares de cada tramo da árbore. 
E, finalmente, Mª Xosé puido ver convertida en realidade a súa proposta de Nadal reciclado.